Reunión veciñanza proxecto Pazos Fontenla
Evento xa rematado
-
Data
28 mayo, 2026
-
Hora
8:30 pm - 10:00 pm
-
Centro Social do Mar
Rúa de Montero Ríos, 36930 Bueu, Pontevedra
- O acto terá lugar este xoves, 28 de maio, ás 20.30 horas no Auditorio do Centro Social do Mar
O Concello de Bueu convoca este xoves, 28 de maio, unha reunión informativa sobre o proxecto de urbanización e mellora integral da rúa Pazos Fontenla, que terá lugar ás 20.30 horas no Auditorio do Centro Social do Mar e á que está convocada a veciñanza da rúa, establecementos comerciais e cidadanía en xeral.
Este vial é un dos eixes vertebradores do centro urbano da vila de Bueu e o Concello de Bueu e a Xunta de Galicia van comezar previsiblemente a finais deste ano a súa mellora. Hai xa moitos anos que o Concello de Bueu ten advertido do mal estado no que se atopa esta rúa, na que o pavimento dos vehículos se encontra deteriorado, igual que as beirarrúas, nas que existen múltiples baldosas levantadas. Así mesmo, os servizos de abastecemento e saneamento de auga están obsoletos, co que supón tamén de riscos de vertidos ás canles fluviais.
O proxecto ten un orzamento nesta primeira fase de 2.383.564 euros, dos cales a Xunta de Galicia poñerá 1.668.495 euros (correspondentes ao 70%), mentres que o restante o asumirá o Concello a través das partidas do Plan + Provincia 2026 e un adianto dos fondos do Plan + Provincia 2027. Nela renovaranse todos os servizos e o acabado en superficie. Nunha segunda etapa acometerase a renovación do alumeado, e na terceira, o mobiliario urbano e o arborado.
A actuación terá un ámbito dun quilómetro de lonxitude ao longo da PO-315, que abarca dende o cruce coa Avenida da Barca onde a Escola Náutica ata a Fonte da Abilleira.
Pazos Fontenla é o principal vial urbano, tanto dende o punto de vista da mobilidade, accesibilidade e a extensión de servizos públicos como o saneamento e abastecemento. O mal estado e a obsolescencia das canalizacións provocan moitos problemas e queixas veciñais, polo que este proxecto será a actuación urbana máis ambiciosa e un referente máis alá da vila. De feito, o Concello leva moitos anos demandando unha solución urxente e prioritaria por parte da Xunta, e de forma máis contundente dende o 2019 a través de comunicacións e reunións con diversas consellerías.