Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Programación 25 Novembro, Día Internacional Contra as Violencias Machistas

Evento xa rematado

  • A declaración conmemorativa desta data vaina realizar o 25 de novembro ás 12 horas o CEIP Plurilingüe A Pedra

O Concello de Bueu, a través da concellaría de igualdade, presenta a programación polo 25 de novembro, Día Internacional Contra as Violencias Machistas, que estará moi centrada na sensibilización e de aí que se conte con accións nos centros educativos, tal e como xa se fixo ao longo dos últimos anos. Precisamente será o alumnado do CEIP Plurilingüe A Pedra o que realice a declaración conmemorativa desta data o propio 25 ás 12 horas na Praza do Concello, despois da cal está programada unha concentración en repulsa das violencias machistas.

Nos centros educativos de primaria e secundaria estanse levando a cabo neste trimestre diversos obradoiros sobre sensibilización e prevención da violencia de xénero. Ademais, da man de Pantallas Amigas desenvolverase o taller “Violencia de xénero e o novo contexto dixital”, centrado no coñecemento e prevención das novas formas de violencia que xorden no contexto dixital (ciberviolencia, grooming, sexting…) dirixido a alumnado dende 1º da ESO ata 2º de bacharelato e ciclos formativos. E tamén durante todo o trimestre se estivo preparando un libro foro co alumnado de 4º de ESO arredor do libro Yo no te cuido de María José Lozano, no que partindo da historia traballaron debates arredor das violencias machistas e das consecuencias na vida do agresor cando envellece e perdeu ás súas fillas ou fillos despois de telos maltratado ou abandonado.

Seguindo coa formación, o 22 de novembro, ás 8.15 h, terá lugar unha charla – coloquio co persoal sanitario do Centro de Saúde de Bueu no que a directora do CIM de Bueu abordará os aspectos cara á atención integral das mulleres que sofren violencias machistas e van a consulta médica.

Como vén sendo habitual, o Cineclub Bueu proxectará o 29 de novembro o filme “Dalva” de Emmanuelle Nicot, que se poderá ver ás 21 horas no Centro Social do Mar, con entrada de balde ata completar aforo. A película conta a historia de Dalva, unha moza que ten 12 anos, e que se viste e se maquilla coma unha muller. Unha noite, de súpeto lévana da casa familiar. Atónita e indignada ao comezo, logo coñece a Jayden, un traballador social, e a Samia, unha adolescente con mal xenio.

Así mesmo, tamén se avanza na redacción do I Plan de Igualdade do persoal do Concello de Bueu e no Protocolo para previr o acoso laboral, sexual e por razón de sexo.