Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Presentación proxecto «Bueu en imaxes»

Evento xa rematado

  • A iniciativa “Bueu en imaxes” presentarase este xoves, 23 de outubro, ás 20.00 horas na Biblioteca Municipal Torrente Ballester
  • O obxectivo é recompilar fotos antigas para reivindicar a memoria individual e colectiva da vila

O Concello de Bueu, coa colaboración do Festival Internacional de Cinema de Bueu (FICBUEU), busca imaxes antigas para constituír un arquivo fotográfico da vila, unha iniciativa que ten como obxectivo recuperar e conservar a memoria fotográfica. A iniciativa, que leva por título “Bueu en imaxes”, presentarase publicamente este xoves, 23 de outubro, ás 20.00 horas na Biblioteca Municipal Torrente Ballester de Bueu, polo que se anima á cidadanía a asistir para coñecer máis do proxecto.

O proxecto nace dende o consistorio coma unha forma de reivindicar a memoria individual e colectiva, de analizar a historia local a través das imaxes e de tentar construír un fondo que poida estar a disposición de calquera persoa que o desexe consultar. Para iso se contará co equipo do FICBUEU, que colaborarán na dixitalización das imaxes que a cidadanía vaia traendo e dende onde tamén intervirán nos centros educativos.

A idea deste ano é recompilar as imaxes relacionadas con costumes e tradicións, e o plan é poder desenvolver a actividade nos próximos anos con outras temáticas.

A veciñanza poderá entregar as fotografías para dixitalizalas a partir do luns, 27 de outubro, e ata o 15 de decembro. O horario será os luns e os mércores de 10 a 19 horas na entrada da Biblioteca Municipal de Bueu.