Presentación libro: «Punto de araña» de Nerea Pallares
Evento xa rematado
-
Data
8 abril, 2026
-
Hora
7:00 pm - 8:00 pm
A Libraría Miranda organiza o 8 de abril a presentación do libro Punto de araña, de Nerea Pallares. O acto terá lugar ás 19 horas na Sala Multiusos do Centro Social do Mar e estará presentado pola xornalista Chus Gómez Dorrego.
SINOPSE: Chamada por ese espírito do mar bravo e do vento que peta na porta de todas as casas, Ari chega a Camariñas, unha vila labiríntica que lle resulta estrañamente familiar, para encargarse do museo de encaixe e exercer como guía turística, sen saber aínda que as mulleres da localidade tomaron unha decisión que está a piques de mudalo todo.
Fartas do egoísmo dos homes anfibios e ausentes, donos das decisións e dos cartos, e de sosteren a voz de todos sen que teñan elas voz propia, as palilleiras —tamén redeiras, mariscadoras e traballadoras da conserveira— acordan acabar con esa situación dun xeito drástico e perigoso: chamando polas arañas. Tres mulleres temibles, donas do océano e do encaixe, que conforman un goberno doutra orde ao que cómpre obedecer.
Punto de araña é unha novela mariñeira e coral, batida pola escuma das ondas que petan contra as rochas e tecida coas voces de tres xeracións de mulleres que se rebelan. Unha loa ás que tecen as redes invisibles que nos sosteñen; ás mans que, en silencio, entrelazan o mundo e ás mans das amigas, rede de redes.