Presentación libro: «As horas mortas» de Emma Pedreira
-
Data
22 marzo, 2025
-
Hora
12:00 pm - 1:00 pm
A Libraría Miranda organiza o sábado 22 de marzo a presentación do libro As horas mortas, de Emma Pedreira. No acto, que será ás 12.00 horas na Sala Multiusos do Centro Social do Mar, intervirán Míriam Ferradáns e Daniel Chapela.
Concibido como unha guía de lugares mais tamén como un compendio de historias para ler desde o sofá, este libro percorre unha pequena parte dos máis de 3.600 cemiterios da nosa comunidade autónoma, desde o histórico Santo Amaro ata un dos cemiterios máis pequenos do mundo. Da tumba dun Nobel ata a dun actor proposto ao Óscar.
A autora viaxa, ás veces soa e outras acompañada por persoeiros vencellados ao cemiterio que visita para coñecer máis de cerca as lendas e as historias reais, ás veces con límites difusos, achegando á nosa literatura unha viaxe única e persoal, resultando unha antoloxía de lugares fúnebres e rituais e crenzas relacionadas coa vida e a morte.
Percorridos como a Ruta dos Cemiterios indianos do norte, os cemiterios illegos, os desaparecidos, republicanos, protestantes e de disidentes, son algunhas das propostas d’ As horas mortas.