Nomeamento de Arturo Sánchez Cidrás como Fillo Adoptivo de Bueu
Evento xa rematado
-
Inicio
22 noviembre, 2024
7:30 pm -
Fin
23 noviembre, 2024
2:00 pm -
Centro Social do Mar
Rúa de Montero Ríos, 36930 Bueu, Pontevedra
- A homenaxe terá lugar nunha sesión plenaria extraordinaria que se celebrará o vindeiro sábado, 23 de novembro, ás 11.00 h no Centro Social do Mar
- O venres organizarase ás 19.30 horas unha mesa redonda na Biblioteca na que diversas persoas falarán sobre a traxectoria e o traballo do homenaxeado
- Sánchez Cidrás é mestre xubilado, investigador, escritor e xestor cultural, e leva a cabo un gran labor como recompilador da historia local bueuesa
O Concello de Bueu nomeará a Don Arturo Sánchez Cidrás como Fillo Adoptivo da Vila. Esta homenaxe terá lugar nunha sesión plenaria que se celebrará o próximo sábado, 23 de novembro, ás 11 horas, no Centro Social do Mar, e nela recoñecerase a figura deste mestre, investigador, historiador, escritor e xestor cultural.
Este recoñecemento foi impulsado hai uns meses por un grupo de persoas e asociacións da vila, e asumido por todos os grupos da corporación municipal, acordándose a celebración deste pleno ao que poderá asistir toda a veciñanza. Ademais, dende o consistorio quere estenderse esta homenaxe máis alá e por iso este venres, previo ao pleno, terá lugar unha mesa redonda ás 19.30 horas na Biblioteca Municipal Torrente Ballester e na que participarán Xaime Toxo, Lucía Novas, Manuel Aldao, Salvador Castro, Amalia Omil e Abigail Buceta. Así mesmo, tamén se vai abrir o sábado unha exposición na Sala Amalia Domínguez Búa composta por diversos elementos da traxectoria de Sánchez Cidrás, entre os que se atopan o seu primeiro ordenador, cámaras fotográficas e outros relacionados coas súas diversas investigacións.
Arturo Sánchez Cidrás desenvolveu a súa carreira profesional como mestre na vila de Bueu durante máis de trinta anos ao longo das cales deixou unha lembranza inesquecible de bo facer nos seus alumnos e compañeiros como figura exemplar, comprometida coas medidas de renovación e actualización pedagóxica, na procura dun ensino de calidade, rigoroso e crítico. O labor de Arturo Sánchez Cidrás neste eido é inxente, promovendo dinámicas de aula, de centro e comunitarias, xa que a idea de que as experiencias de aprendizaxe parten da realidade próxima e vital do alumnado para poder logo ser xeneralizadas e aplicadas en calquera contexto global ou universal.
Sánchez Cidrás é un gran investigador da historia local, traballo que xa se podía albiscar na revista “O Candil” fundada no CEIP A Pedra, e que seguiu ao longo deste anos nas súas páxinas webs, nas que recompila historias, curiosidades, eventos, artigos e todo o que teña que ver con personaxes ou persoas de Bueu. Precisamente a raíz das súas investigacións publicou tamén, co apoio do Concello, varios libros como Outra maneira de soñar: Historia do cine e do teatro, Biografías I Bueu e Biografías II Bueu. Alcaldes para un pobo, A escola Pública en Bueu, Bueu no exilio ruso ou Ons. A illa que navega no tempo. Ademais participou nunha gran cantidade de publicacións conxuntas e artigos de revistas, e ten impartido numerosas charlas e conferencias na vila.
Malia ser natural da localidade veciña de Marín, Sánchez Cidrás ten unha intensa relación con Bueu participando en moitas ocasións da vida pública e das súas actividades, e sendo merecedor de diversos recoñecementos. Así, foi pregoeiro da II Festa do Millo Corvo, da Romaría de Sanamedio do Día das Letras Galegas no 2006, da XIV Festa do Polbo de Bueu, foi homenaxeado co I Premio Ermelo do Concello de Bueu no 2015, e gañador do Premio Johan Carballeira no mesmo ano.
Segundo se recolle na proposta da concellaría de cultura, que se basea na presentada polos colectivos locais, “o traballo de Cidrás levouse a cabo dende o voluntarismo incansable dunha soidade só comparable á dun eremita marabillado polo que fai, dedicándolle horas, días, meses, anos e décadas de lecturas, de estudo, de expurgo, de procuras, deron como froito unha inxente recollida de documentación nos ámbitos da historia, da etnografía, da arqueoloxía, da etnoloxía, da lingüística, da cultura popular; ou sexa de todas cantas disciplinas teñan relación co magma excelso onde conflúe o binomio deses dous conceptos que denominamos natureza e humanidade”.
Con este nomeamento, Cidrás unirase aos outros Fillos Adoptivos que ten o Concello de Bueu xa dende hai anos, caso de D. Fernando de la Rúa, Staffan Mörling ou D. Juan Veiga.