Noite dos festivais
Evento xa rematado
-
Data
30 noviembre, 2024
-
Hora
9:00 pm - 11:00 pm
-
Centro Social do Mar
Rúa de Montero Ríos, 36930 Bueu, Pontevedra
O próximo 30 de novembro terá lugar no Centro Social de Bueu a primeira “Noite de festivais”. Un evento organizado polo FICBUEU baixo o seu programa de colaboracións internacionais no que achegarán ao público catro curtametraxes procedentes doutros catro certames.
As curtametraxes foron propostas polo Edimburgh Short Film Festival (ESSF), o Shortcutz Amsterdam, o Adriatic Film Festival e o Lens Dans de Barcelona e poderán verse no Centro Social do Mar o sábado 30 ás 21:00 nunha única sesión para a que xa están as entradas dispoñibles na tenda online do FICBUEU.
En representación do certame escosés, Edimburgh Short Film Festival (ESSF), proxectarase a curta “Broono” (2024, 21 min). Un filme dirixido por Gerald Lepkowski que conta a inesperada historia de amizade de un rapaz de 11 anos co matón do seu barrio na Glasgow dos anos 70. O Shortcutz Amsterdam propón nesta ocasión a curta inspirada nunha historia real, “Free fall” (2021, 19 min) de Emmanuel Tenenbaum, coa que coñecemos a Tom, un mozo operador nun barco de Londres que co impacto do primeiro avión no World Trade Center decide levar a cabo a operación financieira más importante da súa vida.
Dende Italia chega “Dreaming Boy” de Davide Vigore, curta coming-of-age proposta polo Adriatic Film Festival coa que acompañaremos a Pietro no inicio do seu camiño cara a madurez. O director estará presente na proxección para introducir o seu filme e realizar un encontro posterior co público.
Esta primeira noite de festivais contará tamén coa presenza dunha peza proposta polo festival especializado en videodanza, Lens Dans que ten lugar en Barcelona e Bruxelas. O filme “Soma” (2023, 10 mins) será o que complete a sesión. Dirixido polo colectivo Kwam Collective “Soma” explora o mito contemporáneo sobre a xénese do corpo humano. A medida que se desenvolve a narrativa libre e onírica, distintos personaxes atravesan experiencias corporais viscerais de amor, encantamento, dor e morte.
A actividade forma parte do programa de colaboracións do FICBUEU grazas ao cal levan a cabo diferentes eventos e proxeccións ao longo de todo o ano. Recentemente foi o festival bueuense o que achegou curtas da súa pasada edición a Edimburgo, Italia ou Barcelona, entre outras cidades. A “Noite dos festivais” será unha das últimas colaboracións de 2024, de cara a 2025 o FICBUEU xa ten pechadas varias datas con certames nacionais e internacionais e segue traballando no desenvolvemento deste programa.