Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Festas do Carme 2026

  • O programa incluirá música, obradoiros, actos relixiosos, procesións e alfombras florais
  • Haberá un barco para a procesión marítima cuxa inscrición será do 6 ao 13 de xullo no Rexistro Xeral ou a través da Sede Electrónica

O Concello de Bueu organiza do 15 ao 19 de xullo as Festas do Carme, que incluirán unha extensa e variada programación na que se poñerá en valor a historia e a cultura mariñeira da vila para todos os públicos.

Como antesala das festas, a Coral Polifónica de Bueu organiza o 11 de xullo ás 20.00 horas o XVI Concerto “O Son do Mar” que se celebrará no Centro Social do Mar.

O 15 de xullo desenvolverase unha sesión de xogos mariñeiros para todas as idades dende as 11 horas no Estaleiro de Purro.

O día grande será o 16 de xullo, festividade do Carme, e no que se celebrará a tradicional procesión marítima e o espectáculo de pirotecnia. Ás 12 horas será a misa na honra da Virxe do Carme coa Coral Marusía na Igrexa Parroquial de San Martiño, onde haberá alfombras florais realizadas polo Colectivo Independente de Alfombristas de Bueu e a Asociación Cultural O Pampillo de Castropol. Despois sairá a procesión ata a lonxa coa Banda de Cornetas e Tambores de Cangas e Peis d’hos.  Pola tarde, os oficios relixiosos serán na Lonxa coa música da Coral Polifónica de Bueu e un baile á Virxe coa agrupación Peis d’hos. Xa despois arrancará a procesión marítima coa Banda de Música de Bueu. No espazo da contorna da Lonxa tamén lucirán tapices florais elaborados pola Asociación Cunchas e Flores de Bueu.

Pola noite, a partir das 22 horas, haberá festa coa orquestra Los Españoles e a media noite, gran espectáculo pirotécnico que se lanzará por segundo ano consecutivo dende o mar e que se poderá ver dende a praia da Banda do Río.

O 17 de xullo, coincidindo coa festividade das Dores, está programado unha ruada coa charanga OT a partir das 10.30 horas. Ás 12 horas na Igrexa Parroquial de San Martiño celebrarase a misa solemne na honra da Virxe das Dores cantada polo Coro de Cela – Lestonnac. Ese mesmo día inaugurarase a exposición “En Bueu, onde se non?” de Salvador Santos ‘Charri’ e no que se recollen fotografías de persoas que levan a cabo un labor social na vila. E a xornada culminará ás 21 horas cunha verbena con La oca Band no exterior do Centro Social do Mar.

O 18 será q quenda do concerto do grupo de música tradicional De Ninghures ás 22.30 horas seguido de DJ no mesmo espazo.

E xa o 19 será a regata V Bandeira Concello de Bueu da Liga ACT no peirao da vila dende as 12 horas. E remata a xornada coa orquestra Escaparate.

Ademais, do 15 ao 20 de xullo a zona das Lagoas acollerá atraccións para os máis pequenos e pequenas.

Barco para a procesión marítima

Como é habitual, dende o Concello de Bueu poñerase a disposición da cidadanía un barco para ver a procesión marítima. As persoas que desexen participar deberán inscribirse entre o 6 o 13 de xullo no Rexistro Xeral do Concello ou a través da Sede Electrónica, cun máximo de tres persoas por solicitude.