Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Festa das Alfombras Florais do Corpus 2026

  • As rúas da vila lucirán con moita cor nas tradicionais alfombras florais e haberá actos relixiosos, música, e exposición de fotos antigas
  • O Concello entregará material para a elaboración das alfombras ás persoas que o soliciten a través dun formulario

A vila de Bueu celebrará o 6 e o 7 de xuño a Festa das Alfombras Florais do Corpus de Bueu, organizada polo Concello de Bueu e na que os tradicionais tapices florais lucirán polas principais rúas do casco urbano.

A programación da festa, declarada como de Interese Turístico Galego, desenvolverase o domingo, 7 de xuño, aínda que a elaboración de alfombras comezará xa a partir da tardiña anterior, concretamente ás 18 horas. Ademais, ese día a partir das 9.00 horas da mañá realizarase unha alfombra infantil na rúa Eduardo Vincenti.

Xa o domingo, a charanga Noroeste amenizara ás rúas da vila, e ás 12 horas, terá lugar na Igrexa de San Martiño de Bueu a misa cantada pola Coral Polifónica de Bueu con posterior procesión ao redor dela. Ás 18 horas, na capela de San Xosé desenvolverase a adoración eucarística seguida de procesión coa Banda de Música Artística de Bueu e que decorrerá polas rúas Pazos Fontenla, tramo inferior de Eduardo Vincenti, Montero Ríos, Fransico Escáneo, e Igrexa de San Martiño de Bueu.

Pola noite, a partir das 21 horas, no exterior do Centro Social do Mar será a verbena coa orquestra Marbella, que se traslada para este espazo debido ás obras que actualmente se están levando a cabo no Parque Urbano Lugrís.

Durante a fin de semana, o Concello tamén organizará nos xardíns da Igrexa de San Martiño unha exposición de fotos antigas que forman parte do proxecto “Bueu en imaxes” e na que se recollen instantáneas doadas por colectivos e veciñanza.

Co obxectivo de promover a participación e axudar ás persoas que elaboren alfombras, o Concello entregará material como cebada, cuncha, cortiza de pino, xiz, cola branca ou transparente, verde, tintes, papel, plantillas (dispoñibles no local da Asociación Cunchas e Flores). Este deberá solicitarse antes do 29 de maio a través dun formulario web ou entregándoo de forma presencial á concelleira de cultura.

En canto ao dispositivo de mobilidade, está previsto que as rúas se corten ao tráfico o sábado ás 18 horas, aínda que se anunciará completo proximamente.

A tradición das alfombras florais en Bueu

A festa das alfombras conta con máis dun cento de anos de antigüidade, aínda que o auxe desta tradición podería situarse entre as décadas de 1940 e 1950. Un dos costumes que máis lembra a veciñanza da vila son as recoñecidas carrozas que desfilaban na procesión e que se preparaban na antiga carpintaría da fábrica Massó, que deixou de realizarse a comezos dos 70 co peche da conserveira. Hai que salientar que a Festa das Alfombras de Bueu foi declarada como de Interese Local no ano 2002 e desde o 2017, é Festa de Interese Turístico Galego pola Axencia Galega de Turismo.