Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Festa das Alfombras Florais de Bueu

Evento xa rematado

  • As rúas da vila lucirán con moita cor nas tradicionais alfombras florais e haberá actos relixiosos, música, e exposición de fotos antigas
  • Ademais, a partir deste venres abrirase o prazo para anotarse nos bonos comercio por elaboración de alfombras

A vila de Bueu celebrará o 21 e 22 de xuño a Festa das Alfombras Florais do Corpus de Bueu, organizada polo Concello de Bueu e na que os tradicionais tapices florais lucirán polas principais rúas do casco urbano.

A imaxe gráfica deste ano é obra do artista local Marc Taeger e nos dous carteis deseñados tentou reflictirse o colorido das alfombras e a participación de todo un pobo.

A programación da festa, declarada como de Interese Turístico Galego, desenvolverase o domingo, 22 de xuño, aínda que a elaboración de alfombras comezará xa a partir da tardiña anterior, concretamente ás 18 horas. Ademais, ese día a partir das 9.00 horas da mañá realizarase unha alfombra infantil na rúa Eduardo Vincenti.

Xa o domingo, a charanga Noroeste amenizara ás rúas da vila, e ás 12 horas, terá lugar na Igrexa de San Martiño de Bueu a misa cantada pola Coral Polifónica de Bueu con posterior procesión ao redor dela. Ás 18 horas, na capela de San Xosé desenvolverase a adoración eucarística seguida de procesión coa Banda de Música Artística de Bueu e que decorrerá polas rúas Pazos Fontenla, Francisco Escáneo, Montero Ríos, Eduardo Vincenti e volta á capela.

Pola noite, a partir das 21 horas, no aparcadoiro de As Lagoas será a verbena coa orquestra La Oca Band.

Durante a fin de semana, o Concello tamén organizará nos xardíns da Igrexa e na Sala Amalia Domínguez Búa dúas exposicións de fotos antigas nas que se poderá ver a evolución histórica desta festa e das persoas que participaron nela ao longo do tempo.

Bonos comercio por elaboración de alfombras

O Concello de Bueu continúa traballando para incrementar a participación na festa e por iso outorgará bonos comercio para as persoas e colectivos que elaboren tapices florais. A principal novidade é que se incrementan as contías con respecto ao pasado ano, e que se outorgarán bonos que varían segundo as dimensións das alfombras: 250 € para as de 3×15 metros; 200 para as de 3×10 metros; e 150 para as de 3×5 metros.

O prazo para participar ábrese este venres, 9 de maio, e estenderase ata o 19 de xuño, e o procedemento será entregando o formulario na Concellaría de Cultura de forma presencial ou enviándoo a través do enderezo electrónico cultura@concellodebueu.gal

Os bonos están dirixidos a aquelas persoas ou colectivos que realicen as alfombras o 21 de xuño dentro do percorrido marcado para a festividade, que abrangue as rúas de Pazos Fontenla, Eduardo Vincenti, Montero Ríos, Francisco Escáneo, e a Igrexa de San Martiño de Bueu. Ademais, e segundo se establecen nas bases, o Concello poñerá a disposición das persoas que o necesiten materiais como verde, cunchas de berberecho e papel.