Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Exposición Mareas de sabedoría na Casa do Pobo de Beluso

  • A mostra poderase ver dende o xoves 23 de outubro, en horario de 16.15 a 20.00 horas
  • Este proxecto recolle fotografías de dezaseis veciños e veciñas da vila bueuesa que superan os 90 anos de vida e a través dos que se conta a historia individual e colectiva

A Casa do Pobo de Beluso acollerá a partir do 23 de outubro, a exposición «Mareas de sabedoría», de Salvador Santos ‘Charri’, na que se recollen fotografías de dezaseis veciños e veciñas da vila que superan os 90 anos de vida. Carmen García, concelleira de cultura, visitou este xoves a mostra e anima a toda a veciñanza a achegarse.

Este fotógrafo afeccionado decidiu hai máis dun ano crear un proxecto co que homenaxear ás persoas maiores da vila bueuesa e de aí xermolou un traballo que se recompila nesta exposición que xa estivo no verán na Sala Amalia Domínguez Búa de Bueu e que agora recala na parroquia de Beluso, coma unha oportunidade para seguir espallándoa.

Tal e como se explica no folleto informativo da mostra, “as persoas maiores levan o peso da vida nas súas mans. Elas e eles son o noso legado e a loita do que hoxe somos. Esta mostra é unha homenaxe aos nosos veciños e veciñas, memoria viva de Bueu”. O obxectivo é, pois, transmitir as historias de vida e facerlles unha homenaxe ás persoas que tanto loitaron e grazas ás que Bueu é o que é.

Salvador é o artífice desta exposición. Nacido en Bueu en 1953, “Charri”, como é máis coñecido, criouse nunha familia mariñeira humilde. De neno empeza a traballar na pesca de baixura ao cerco no barco “Cadilla”, de mariñeiro co seu pai. Posteriormente foi de marmitón ao bacallau e aí empeza o seu percorrido polos diferentes caladoiros do Grand Sole, Nova York, Canarias, Sudáfrica ou Arxentina, entre outros.

A súa paixón pola fotografía levouno a formar parte do colectivo Abrenoite, co que participou na serie “Mariñeiros”. No ano da pandemia rendeulle homenaxe aos sectores esenciais na mostra “Esenciais”, que se puido ver no Estaleiro de Purro, e no 2024, aos deportistas da vila coa exposición “Orgullosos do noso” na Sala de Exposicións Amalia Domínguez Búa.