Colocación de «Stolpersteine»
Evento xa rematado
-
Data
30 mayo, 2025
-
Hora
8:00 pm - 10:00 pm
- O acto de colocación terá lugar o próximo 30 de maio xunto ao monumento de Johan Carballeira, na Banda do Río, e complementarase cunha conferencia da historiadora María Torres
O Concello de Bueu e a Asociación de Amigos de Johan Carballeira colocarán os ‘Stolpersteine’, ou adoquíns da memoria, a través dos que se lembrará aos dous veciños bueueses asasinados nos campos de concentración nazis, José Ferradás Pastoriza e Manuel Rey Cruz.
Tal e como explicou Carmen García, o Concello de Bueu solicitou a Alemaña hai un ano contar con dous adoquíns ‘Stolpersteine’ tras un acordo plenario que se aprobou por unanimidade de todos os grupos municipais. A concelleira salientou que “é importante que non esquezamos e que sigamos a facer avances para a recuperación da memoria”.
Despois de que chegasen os adoquíns deseñados polo artista alemán Gunter Demnig, estes serán colocados na base do monumento a Johan Carballeira, na entrada da praia da Banda do Río, porque é un espazo no que xa conflúe a memoria do alcalde de Bueu durante a República e que foi asasinado polo franquismo. O acto será o 30 de maio a partir das 20.00 horas na contorna do monumento a Johan Carballeira, e nel participarán os familiares dos dous asasinados, que estiveron nos campos de Mauthausen- Gusen ao longo de varios meses de 1941 ata o seu falecemento. Posteriormente, e para dar a coñecer o que foi o paso dos galegos nos campos de concentración, a historiadora María Torres tamén vai impartir unha conferencia na Sala Multiusos do Centro Social do Mar.
Os veciños asasinados
Os veciños son José Ferradás Pastoriza, veciño de Beluso e falecido o 20 de setembro de 1941, e Manuel Rey Cruz, veciño de A Graña e falecido o 20 de maio de 1941.
Tal e como lembra José González Ferradás, o seu tío José Ferradás Pastoriza era un mariñeiro sindicalista de Beluso ao que lle interesaba moito a política e que estivo implicado durante a República. Tras unha fuxida da súa vivenda, a familia soubo posteriormente que estivera en Francia e despois como soldado traballador ata que os alemáns lles puxeron a todos os españois o símbolo de apátridas e os enviaron ao campo de Mauthausen – Gusen. En canto a Manuel Rey Cruz, o seu avó traballaba na pesca en Alxeciras e dende o golpe de estado enrolouse nun barco dende o Mediterráneo ata Francia, onde foi acollido por unha familia ata que despois o levaron para o campo de concentración.