Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Campaña «Alimentos do Mar, alimentos de Vida»

Evento xa rematado

O exterior do Centro de Saúde de Bueu acollerá o 28 de maio, entre as 11 e as 13 horas, unha foodbike de produtos relacionados co mar.

Baixo o lema «Alimentos do Mar, alimentos de Vida», o proxecto Pesca Saúde, impulsado polo GALP Ría de Pontevedra xunto con outros Grupos de Acción Local Pesqueira de Galicia, instalará puntos de información móbiles para amosar os beneficios dos produtos do mar na saúde e coñecer as súas propiedades nutricionais.
Ofreceranse tamén degustacións de produtos do mar elaborados por profesionais da restauración nunha “foodbike”. Nestes espazos repartiranse ademais guías de propiedades nutricionais e hábitos de alimentación saudables, así como vales desconto para consumir nos establecementos adheridos á campaña.

Os beneficios do consumo de produto pesqueiro na saúde


O proxecto Pesca Saúde nace nun contexto no que o consumo de peixe fresco descendeu progresivamente mentres aumentou a presenza de produtos ultraprocesados na alimentación habitual. Esta transformación dos patróns dietéticos está asociada a un incremento das enfermidades cardiovasculares, metabólicas e inflamatorias.

Por iso, promover o consumo regular de peixe galego non é só unha decisión dietética, senón 2/2 tamén unha estratexia de saúde pública baseada na evidencia científica. A través destas actividades, búscase fomentar o consumo de produtos pesqueiros para mellorar a saúde e o benestar da cidadanía, promovendo hábitos de vida saudables.
O peixe e o marisco son alimentos de alta densidade nutricional: conteñen moitos nutrientes esenciais en proporcións axeitadas e con poucas calorías. Proporcionan proteínas de alto valor biolóxico, con todos os aminoácidos esenciais, e graxas cardiosaudables, ricas en ácidos graxos omega-3 (EPA e DHA), que o corpo non pode fabricar por si mesmo. Está probado o seu beneficio no sistema cardiovascular, na saúde cerebral e función cognitiva, na saúde ósea e muscular, na inmunidade e no metabolismo.