Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Abril, mes da memoria

  • Os actos terán lugar o 17 e 23 de abril e incluirán unha ofrenda floral no monumento de Johan Carballeira e charlas e coloquios

O Concello de Bueu e a Asociación de Amigos de Johan Carballeira organizan un “Abril, mes da memoria”, no que se propoñerán diversas actividades de reivindicación e recuperación da memoria histórica, como charlas e coloquios. Estes actos coinciden co 89º aniversario do fusilamento de Johan Carballeira, quen fora alcalde de Bueu antes do golpe de estado, amais de poeta e xornalista.

Precisamente, o programa arrancará o 17 de abril ás 19.30 horas, cando se celebrará a habitual ofrenda floral xunto ao monumento dedicado a Carballeira e que se sitúa na entrada da praia da Banda do Río. No monumento depositarase un ramo de flores que lembra o seu fusilamento acontecido o 17 de abril de 1937 no monte da Caeira, en Poio, no mesmo día que outros veciños da vila, caso de Avelino Chapela Soliño e Manuel Chapela Couso, canteiros de A Portela, e Manuel Graña Pouseu, líder do sindicato CNT en Bueu. Nese acto contarase cunha actuación musical de Dori Santos e Lía Vilas ao violín.

A continuación, ás 20.00 horas, o Centro Social do Mar acollerá a mesa redonda “A represión na comarca do Morrazo no ano 1936”. Nela intervirán Xosé Novas Piñeiro, da Asociación de Amigos Johan Carballeira, Iago Santos Castroviejo, de Memoria Histórica 28 de agosto de Cangas, Queta Otero Molas, da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica de Marín, e Luís Chapela Bermúdez, da Irmandade do Dolme de Moaña.

O 23 de abril será no Centro Social do Mar o coloquio “Os concellos do Morrazo na Segunda República (1931-1936)” a cargo de Xosé Novas Piñeiro.