Bueu xa conta coa unidade móbil para o DNI e pasaporte
- Este venres tivo lugar a estrea dos novos vehículos integrais de documentación, nos que se poderá facer ou renovar os documentos de identidade dunha forma moi áxil
O Concello de Bueu xa dispón da nova unidade móbil para facer ou renovar o DNI ou o pasaporte. Félix Juncal, alcalde da vila, e Isabel Quintás, tenente de alcalde, visitaron hoxe canda o comisario da Policía Nacional de Pontevedra o vehículo que se sitúa enfronte da Antiga Casa do Mar e do que xa fixeron uso as primeiras vinte e cinco persoas dende as nove da mañá.
Este proxecto implica mellorar o servizo para obter ou renovar o DNI nun só trámite, ademais de incluírse o pasaporte nos municipios onde non existen comisarías de policía nin oficinas de documentación, como é o caso de Bueu. Todo se fará no mesmo día, e en apenas 12 minutos, sen necesidade de asistir dous días para completar o trámite como viña sucedendo ata o de agora.
A iniciativa parte da Dirección Xeral de Policía baixo o nome de proxecto VIDOC, que significa Vehículos Integrais de Documentación, e na nova zona garántese a accesibilidade a comodidade da cidadanía. Bueu convértese así no terceiro municipio da provincia de Pontevedra que estrea esta unidade, logo de Poio e O Grove.
Entre os beneficios deste novo sistema para a cidadanía están a comodidade, pois poderanse realizar trámites evitando desprazamentos innecesarios; o aforro de tempo, xa que se elimina a necesidade de viaxar a outras cidades e redúcese o tempo dedicado a estas xestións; e unha maior accesibilidade.
A unidade móbil virá a Bueu cada mes, e as persoas que desexen facer uso dela deberán solicitar cita previa nas dependencias da Policía Local.