Bueu celebra o 21 e 22 de xuño a Festa das Alfombras Florais do Corpus de Bueu 2025
- Carmen García, concelleira de cultura, salientou na rolda de prensa que “este ano queremos incrementar a participación e que a veciñanza se anime a facer alfombras nesta festa tan bonita”
- As rúas da vila lucirán con moita cor nas tradicionais alfombras florais e haberá actos relixiosos, música, e exposición de fotos antigas
- Ademais, a partir deste venres abrirase o prazo para anotarse nos bonos comercio por elaboración de alfombras
A vila de Bueu celebrará o 21 e 22 de xuño a Festa das Alfombras Florais do Corpus de Bueu, organizada polo Concello de Bueu e na que os tradicionais tapices florais lucirán polas principais rúas do casco urbano. Carmen García, concelleira de cultura, destacou na rolda de prensa celebrada este xoves que “este ano queremos incrementar a participación e que a veciñanza se anime a facer alfombras nesta festa tan bonita”. Dado que as alfombras serán as principais protagonistas, no acto de presentación tamén estiveron presentes alfombristas tanto da Asociación Cunchas e Flores como do Colectivo Independente de Alfombristas, así como Félix Juncal, alcalde da vila, e Xosé Leal, edil de facenda.
A imaxe gráfica deste ano é obra do artista local Marc Taeger e nos dous carteis deseñados tentou reflictirse o colorido das alfombras e a participación de todo un pobo.
A programación da festa, declarada como de Interese Turístico Galego, desenvolverase o domingo, 22 de xuño, aínda que a elaboración de alfombras comezará xa a partir da tardiña anterior, concretamente ás 18 horas. Ademais, ese día a partir das 9.00 horas da mañá realizarase unha alfombra infantil na rúa Eduardo Vincenti.
Xa o domingo, a charanga Noroeste amenizara ás rúas da vila, e ás 12 horas, terá lugar na Igrexa de San Martiño de Bueu a misa cantada pola Coral Polifónica de Bueu con posterior procesión ao redor dela. Ás 18 horas, na capela de San Xosé desenvolverase a adoración eucarística seguida de procesión coa Banda de Música Artística de Bueu e que decorrerá polas rúas Pazos Fontenla, Francisco Escáneo, Montero Ríos, Eduardo Vincenti e volta á capela.
Pola noite, a partir das 21 horas, no aparcadoiro de As Lagoas será a verbena coa orquestra La Oca Band.
Durante a fin de semana, o Concello tamén organizará nos xardíns da Igrexa e na Sala Amalia Domínguez Búa dúas exposicións de fotos antigas nas que se poderá ver a evolución histórica desta festa e das persoas que participaron nela ao longo do tempo.
Bonos comercio por elaboración de alfombras
O Concello de Bueu continúa traballando para incrementar a participación na festa e por iso outorgará bonos comercio para as persoas e colectivos que elaboren tapices florais. A principal novidade é que se incrementan as contías con respecto ao pasado ano, e que se outorgarán bonos que varían segundo as dimensións das alfombras: 250 € para as de 3×15 metros; 200 para as de 3×10 metros; e 150 para as de 3×5 metros.
O prazo para participar ábrese este venres, 9 de maio, e estenderase ata o 19 de xuño, e o procedemento será entregando o formulario na Concellaría de Cultura de forma presencial ou enviándoo a través do enderezo electrónico cultura@concellodebueu.gal
Os bonos están dirixidos a aquelas persoas ou colectivos que realicen as alfombras o 21 de xuño dentro do percorrido marcado para a festividade, que abrangue as rúas de Pazos Fontenla, Eduardo Vincenti, Montero Ríos, Francisco Escáneo, e a Igrexa de San Martiño de Bueu. Ademais, e segundo se establecen nas bases, o Concello poñerá a disposición das persoas que o necesiten materiais como verde, cunchas de berberecho e papel.
A tradición das alfombras florais en Bueu
A festa das alfombras conta con máis dun cento de anos de antigüidade, aínda que o auxe desta tradición podería situarse entre as décadas de 1940 e 1950. Un dos costumes que máis lembra a veciñanza da vila son as recoñecidas carrozas que desfilaban na procesión e que se preparaban na antiga carpintaría da fábrica Massó, que deixou de realizarse a comezos dos 70 co peche da conserveira.
Hai que salientar que a Festa das Alfombras de Bueu foi declarada como de Interese Local no ano 2002 e desde o 2017, é Festa de Interese Turístico Galego pola Axencia Galega de Turismo.

