Bueu celebra este sábado a IV Bandeira Concello de Bueu da Liga ACT
- O peirao da vila acollerá a partir das 18.20 horas o campionato no que participan as mellores traiñeiras masculinas e femininas
- Félix Juncal, puxo o foco en que “é unha aposta moi importante do Concello polo remo de alto nivel”
A vila de Bueu acollerá o próximo sábado, 30 de agosto, a IV Bandeira Concello de Bueu da Liga Eusko Label, polo que se converterá nunha das sedes do remo de primeira división. O evento está organizado polo Concello de Bueu e a Asociación de Clubs de Traineras (ACT), coa colaboración do Club do Mar de Bueu. Con este motivo, este mércores tivo lugar diante da Casa do Concello unha rolda de prensa na que participaron Félix Juncal, alcalde de Bueu, Ricardo Verde, concelleiro de deportes, Isabel Quintás, tenente de alcalde, e Carmen García, concelleira de cultura, Borja Rodrigo, presidente da ACT, e Alberto Chapela, da directiva do Club do Mar Bueu Simei.
Borja Rodrigo destacou que “é a segunda incursión desta tempada en augas galegas, e agradecemos ao Concello de Bueu que acolla esta regata, que será moi emocionante dado que se disputan as últimas xornadas da liga da ACT”. Pola súa banda, Félix Juncal, puxo o foco en que “é unha aposta moi importante do Concello polo remo de alto nivel”. O rexedor lembrou que foi no 2014 cando se celebrou a primeira bandeira da ACT na vila bueuesa “e xa daquela o viamos coma unha oportunidade para apoiar o deporte do remo e tamén darnos a coñecer noutras zonas do norte peninsular, e observamos que ao longo desta década xurdiu efecto e xa o Club do Mar Bueu competiu o pasado ano na liga á que agardamos que volva”.
A regata da Liga Eusko Label ACT deste sábado arrancará ás 18.20 horas co campionato masculino que se estenderán ata as 20 horas segundo a previsión da organización. Nela agárdase a participación dos clubs da ACT, na que hai dous galegos: CR Cabo da Cruz e CR Ares, logo de que o pasado ano descendese o Club do Mar Bueu.
O percorrido iniciarase dende o peirao da vila, con doce barcos, castro longos e tres quendas. Na primeira quenda sairán CR Cabo da Cruz, Kaiku, CR Ares e Ondarroa Kide; na segunda, San Juan CMO Valves, Lekitarra Elecnor, Getaria e Orsa Hondarribia; e na terceira, Bermeo Urdaibai, Naiz Homes Donostiarra, Zierbena Bahias de Biskaia e Orio Orialki. Ademais da regata, que se poderá ver dende o peirao, a organización terá unha fan zone con pantalla xigante e con postos de comida, polo que se convida á cidadanía a gozar deste espectáculo.
Concerto de “Pop-Rock-Syymphony Fusión”
Para acompañar o espectáculo da regata, o Concello de Bueu organiza o mesmo sábado o concerto de “Pop-Rock-Syymphony Fusión”, do que se poderá gozar ás 21.00 horas no exterior do Centro Social do Mar. Trátase dunha banda de música e dun grupo rock que xeran unha simbiose novidosa e capaz de encandilar ao público, con temas clásicos e outros máis contemporáneos. A banda vén de Marín e destacan as voces de Lucía Lugrís, Merchy Treviño e Candela Argibay.

