Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Bueu acollerá esta fin de semana a Final 4 da 2ª Autonómica de Balonmán

  • O evento desenvolverase o sábado e o domingo, 9 e 10 de maio, no Pavillón Municipal Pablo Herbello

O Pavillón Municipal Pablo Herbello acollerá esta fin de semana, 9 e 10 de maio, a Final 4 de 2ª Autonómica Masculina e Feminina da tempada 2025/2026, un evento organizado polo Bueu Atlético Balonmán coa colaboración da Federación Galega de Balonmán, Concello de Bueu, Xunta de Galicia e Deputación de Pontevedra, e no que se fai un chamamento para encher o pavillón toda a fin de semana.

Bueu converterase durante esta fin de semana nun novo escenario de referencia para o balonmán galego, acollendo unha fase final que reunirá a algúns dos mellores equipos da 2ª Autonómica nun formato de competición atractivo e decisivo para a loita pola praza para o ascenso a máxima categoría galega. Precisamente, con este motivo, hoxe celebrouse no Estaleiro de Purro, no barrio da Banda do Río, a rolda de prensa na que estiveron presentes Félix Juncal, alcalde da vila, Manuel Castro, presidente do Club, Daniel Benavides, xefe do Servizo Provincial de Deportes da Xunta de Galicia e Bruno López, presidente da Federación Galega de Balonmán, ademais doutros edís da corporación municipal bueuesa, como Ricardo Verde, edil de deportes, Carmen García, de cultura, Celso Dopazo, de mantemento de viais, ou Elena Estévez, voceira do PP.

Carmen García, concelleira de cultura, foi a encargada de guiar o acto e puxo de relevo na súa intervención que “tanto o Estaleiro como o Bueu Atlético Balonmán representan a identidade do pobo de Bueu, posto que nacen do mesmo espírito mariñeiro e traballador da vila” e felicitou “ao club e a todas as persoas que forman parte del por todo o traballo incansable durante a tempada e que se materializa aínda máis esta fin de semana”.

Manuel Castro tomou a palabra a continuación para contar unha parábola que fala “dos paracaídas que salvan o mundo” e definiu aos xogadores e xogadoras como ese exemplo para as novas xeracións que veñen detrás. A continuación interveu Lucía de la Torre, capitana do equipo sénior feminino, quen fixo fincapé no traballo feito para que “as que nenas máis novas teñan un equipo feminino no que xogar”.

Pola súa banda, Daniel Benavides agradeceu o traballo do club porque “axuda a construír unha sociedade mellor, baseada na resiliencia e no esforzo colectivo”. Bruno Lopez, da Federación Galega de Balonmán, remarcou que “Bueu ten moi arraigado o traballo en quipo e xa levamos moitos eventos e fases organizados aquí, nesta terra tan emblemática para o balonmán”. E por último interveu o alcalde Félix Juncal, quen remarcou que “o Bueu Atlético Balonmán é un club bandeira, un símbolo do mellor do noso deporte, e do que sempre nos sentimos orgullosos polos valores que transmiten”.

A organización desta Final 4 supón unha oportunidade para seguir impulsando o balonmán galego, tanto desde o punto de vista deportivo como organizativo, ofrecendo un evento de calidade no que xogadores, clubs e afección poderán gozar dun dos momentos máis destacados da tempada.