Bueu acolle este venres unha carreira solidaria a favor de ACCEM e na que participan centros educativos da vila
- A iniciativa desenvolverase a partir das 12 horas polas rúas próximas aos centros educativos
Bueu acollerá este venres, 11 de abril, unha carreira solidaria a favor da ONG Accem e dos refuxiados que actualmente se atopan aloxados na vila morracense. A iniciativa está organizada polo IES Johan Carballeira e a asociación de nais e pais do centro, e conta coa colaboración do CEIP A Pedra e do Concello de Bueu. Precisamente, hoxe tivo lugar a presentación da iniciativa nun acto diante da Casa Consistorial no que estiveron Silvia Carballo e Carmen García, concelleiras de cultura e de turismo respectivamente, ademais de representantes do IES Johan Carballeira, da anpa, do CEIP A Pedra e da organización ACCEM.
Aproveitando o último día de clases antes das vacacións de Semana Santa, a partir das 12 horas do venres desenvolverase a andaina solidaria e, a continuación ás 12.45 horas, a carreira, para finalizar coa entrega de premios no salón de actos do IES Johan Carballeira. Precisamente, os premios consistirán en ovos de pascua e roscón e participarán alumnos e alumnas do instituto, así como de infantil e algúns cursos de primaria do CEIP A Pedra.
A carreira consistirá nun percorrido polas rúas Staffan Mörling, Ramón Bares e A Pedra que se rodearán tres veces para a carreira e dúas no caso da andaina. A inscrición consistirá na doazón de 1 euro e toda a recadación se fará á ACCEM.
