Bueu acolle este sábado o IV Festival Artístico Solidario Art for Change
- O evento, promovido polo IES Johán Carballeira coa colaboración do Concello de Bueu, celebrarase na Praza Massó durante todo o día
- Nel haberá propostas musicais, literarias, teatro, alfombras florais, demostración de jugger ou venda de produtos
- O proxecto ten unha compoñente solidaria, e por iso se recadarán fondos para a Asociación Juan XXIII e DOA Saúde Mental
Bueu volverá ser o escenario este sábado, 10 de maio, do IV Festival Artístico Solidario Art For Change, que promove o IES Johan Carballeira coa colaboración do Concello de Bueu. Precisamente este martes tivo lugar diante do Concello a rolda de prensa na que estiveron Carmen García, concelleira de cultura, Asunción Sóñora e Noelia Lamosa, directora e vicedirectora do IES Johan Carballeira, e representantes doutros centros da vila participantes e anpas.
Carmen García salientou que “para nós é un pracer seguir colaborando na loxística e organización deste evento que demostra que temos unha mocidade moi activa en Bueu”. Pola súa banda, Noelia Torres, dende o IES Johan Carballeira, volveu poñer de manifesto que “é unha actividade que naceu con vocación colaborativa e na que pode participar toda a xente da vila”.
O evento desenvolverase o sábado durante todo o día na carpa da céntrica Praza Massó, onde haberá venda de produtos a través dos que se recadarán fondos para a Asociación Juan XXIII e DOA Saúde Mental. Tal e como destacaron, o festival pivota nesta edición arredor do coidado do benestar emocional, concretamente entre a mocidade, co obxectivo de favorecer os procesos de transformación social a través da arte e da cultura. De feito, durante o festival recolleranse alimentos para o Banco de Alimentos de Vigo, tapóns de plástico cos que se fará un corazón xigante e logo se doarán, cascas de pipas e noces para a Asociación Cultural Cunchas e Flores ou rolos de papel hixiénico a través dos que se deseñará un diagrama de barras sobre os gustos das persoas.
O venres, como pistoletazo de saída, representarase a obra teatral “A casa da Troula”, da man de Comediantes Anónimos, que se poderá ver ás 21.00 horas no Centro Social do Mar. Xa o sábado, a xornada iniciarase ás 9.00 horas coa elaboración da alfombra floral da man da Asociación Cultural Cunchas e Flores. As portas da feira abriranse ás 11.00 horas e ás 11.30 horas será a inauguración oficial, e xa ás 12.00 horas haberá un contacontos e un obradoiro familiar arredor do libro La vida que se da, de Claudia Prado González, coa colaboración da Libraría Miranda. Ás 13.00 horas, o alumnado do CPR Virxe Milagrosa interpretará a actuación musical “Cantar para (ben)estar”, e a continuación, o CEIP A Pedra sorprenderá cuns títeres arredor de “O sacapenas” para pechar a mañá cun micro aberto de música. Pola tarde, ás 17.00 horas desenvolverase de novo a actuación musical “Cantar para (ben)estar”, e a continuación, a Asociación Cunchas e Flores levará a cabo un obradoiro sobre alfombrismo para chegar á mocidade. O Museo Massó tamén colabora a través da organización de dous obradoiros infantís, concretamente «Cousas da praia» que será ás 17.00 horas e no poderán participar nenos e nenas de 4 a 6 anos, e a continuación «Esta ría é un choio», para os de 6 a 10 anos.
Ás 18.00 horas é quenda dunha demostración de jugger, que é un deporte que mestura a esgrima e o rugby, e xa ás 19.00 horas, rematará o festival e actuarán os grupos Sons Of Asgard e Sumergidos na contorna da Praza.
No festival colaboran as anpas e a comunidade educativa de Bueu, os centros CEIP A Pedra, CEIP A Torre – Cela, CEIP Montemogos e CPR Virxe Milagrosa, Anpanxoga, a Asociación Cunchas e Flores, Asociación Veciñal Banda do Río, A Illa dos Ratos, os clubs deportivos, o Banco de Alimentos de Vigo, a Libraría Miranda, o Museo Massó, Jugger Moaña, Lienzo Decoración, Wallpaper Store, Sons of Asgard, Superhéroes del Morrazo e Sumergidos.
O Festival Art For Change naceu no curso 2021/2022 como parte dun proxecto Eramus+ chamado “Oceans of Culture, Culture Of Oceans”, no que se analizou xunto a outros seis países (Lituania, Estonia, Irlanda, Portugal, Francia e Turquía) como vivir a carón do mar enriquece e transforma a vida nas vilas mariñeiras. O proxecto tomou como referencia a Feira da Ciencia e da Literatura organizada en anos anteriores polo mesmo instituto.
