Bueu acolle este sábado o Campionato Escolar Provincial de Combate
- As probas terán lugar no Pavillón Municipal Pablo Herbello das 9 ás 14 horas e serán clasificatorias para o campionato galego
O Pavillón Municipal Pablo Herbello de Bueu acolle o próximo sábado, 16 de maio, o Campionato Escolar Provincial de Combate. Precisamente, este mércores tivo lugar a rolda de prensa, na que participaron Félix Juncal, alcalde da vila, Blanca Señorals, Directora Territorial do Servizo Provincial de Deportes da Xunta de Galicia, Esperanza Meilán, da Federación Galega de Combate, e Belén Asensio, directora e adestradora do Club Taekwondo Ssiu.
O pavillón bueués será o escenario no que se disputarán as probas o sábado en horario de 9 a 14 horas. Segundo explicou Belén Asensio, prevese a participación de máis de trescentos nenos e nenas da provincia de Pontevedra con idades comprendidas entre os 8 e os 14 anos. Precisamente, os catro primeiros de cada categoría clasificaranse para o campionato galego que se celebrará en Boiro a finais de mes. A adestradora do club bueués, que foi dúas veces campioa olímpica, destacou que “o que quería é traer a Bueu un campionato que visibilizase o deporte do taekwondo e tamén que se vise que somos moitas persoas nel”. Na mesma liña interveu Esperanza Meilán, da Federación Galega, quen fixo fincapé na promoción do deporte base e no incremento feminino en todas as disciplinas. Tamén salientou que “o taekwondo transmítenos valores como o respecto, a disciplina e o compañeirismo”.
O alcalde rematou o acto e explicou que “sentimos orgullo de que Bueu sexa a sede para moitos eventos deportivos, o que demostra a gran diversidade ao tempo que nos serve de escaparate e a súa importancia para a formación dos rapaces e rapazas”.
