Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Bueu acolle esta fin de semana a 15ª Concentración Moteira do Morrazo

  • O Concello de Bueu e a Asociación de Moteiros do Morrazo presentaron hoxe o programa que terá lugar no Campo da Estacada
  • Do 29 ao 31 de maio realizaranse diversas actividades moteiras, entre as que se atopa a tradicional ruta nocturna con fachos
  • Haberá restricións de aparcadoiro e tráfico en diversas rúas do casco urbano dende o xoves

O Concello de Bueu prepárase para acoller esta fin de semana a ‘Concentración Moteira do Morrazo 2026’, que se celebrará no Campo da Estacada entre o venres 29 ao domingo 31 de maio e que xa cumpre quince anos de vida. Este martes tivo lugar o acto de presentación do programa na Sala Multiusos do Centro Social do Mar, ao que acudiron Carmen García, concelleira de cultura, Agustín Reguera, delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Ricardo Martínez, deputado provincial, Tania Loira, da Asociación de Moteiros do Morrazo, e outros integrantes do colectivo.

Carmen García, edil de cultura, agradeceu á asociación “polo traballo para organizar este evento que abre a tempada estival en Bueu”. Así mesmo, tamén referendou o apoio do Concello para que este evento se celebrase estes quince anos e avanzou que “estableceremos diversas medidas de tráfico e seguridade, e de feito, o aparcadoiro das motos será na zona de As Lagoas, e deixando para o tránsito peonil as rúas José María Estévez e Ferrolán, co obxectivo de minimizar o ruído nesa zona”.

O delegado territorial Agustín Reguera salientou que “esta concentración de motos é moito máis ca unha proba deportiva, e supón unha inxección económica importante para Bueu”. Pola súa banda, Ricardo Martínez, remarcou que “o evento súmase á campaña da Deputación de Pontevedra que pon en valor a provincia e o deporte”.

Tania Loira, dende o motoclub, apuntou que “teremos un cheo absoluto”, pois as inscricións atópanse practicamente esgotadas. Dende a organización tamén apelan ao civismo e este ano, ao igual ca nos dous anteriores pero dunha forma máis rotunda, volverán aplicar unhas medidas para minimizar o ruído nas horas nocturnas, a través da aplicación dunhas normas que establecerán, entre outras cuestións, a prohibición de facer ruído coas motos despois da unha da madrugada.

As xornadas sobre rodas darán comezo este venres, día 29, coa apertura de inscricións ás 17 horas para as persoas interesadas en formar parte do evento. Neste día, non se realizarán actos moteiros, pero os/as asistentes poderán gozar de música a partir das 22 horas, cos grupos La Última Legión e Top Líder.

O sábado, a apertura de inscricións comeza ao mediodía, e tamén haberá xogos tradicionais como tiro á corda e carreira de sacos. Os actos moteiros dan o pistoletazo de saída ás 17 horas, coa ruta con pinchada pola zona, seguida dunha exhibición stunt ás 19 horas, en Ramón Bares, da man de Paulo Martinho Freestyle. Ás 20.30 horas actuará o grupo Son das Tabernas, e a continuación será a cea na que se realizarán sorteos de agasallos. A xornada culminará ás 00.30 horas comezará tradicional ruta nocturna con fachos na memoria dos compañeiros falecidos, a través das rúas da vila. Ao rematar a ruta, os inscritos volverán ao recinto para gozar dunha queimada e festa con Dj Cabreira, Dj Charlie e Dj Trafic House.

A mañá do domingo non será menos movida cás xornadas anteriores, pois as persoas inscritas poderán deleitarse cun almorzo entre as 10 e as 11.30 horas. Despois haberá unha ruta mototurística ata Marín. As xornadas moteiras pecharán ás 13 horas cunha sesión de vermú e petiscos cun cortador de xamón e a charanga Charandonga, na que tamén se realizará a entrega de trofeos.

Plan de tráfico concentración moteira

Por mor da celebración do evento moteiro, o Concello informa á cidadanía dos cortes de tráfico que se efectuarán ao longo destes días na vila. A rúa Johan Carballeira estará cortada dende o venres ás 14 horas, agás os garaxes; así mesmo as rúas López Cortizo Ferrolán e José María Estévez tampouco permitirán o acceso de vehículos dende o venres ás 14 horas; e en Ramón Bares prohibirase o aparcadoiro e o tránsito o sábado de 14.00 a 21.00 horas.

Tamén se limitará o aparcadoiro na zona de As Lagoas dende o xoves ás 14 horas, xa que estará reservado en exclusiva para o estacionamento das motos.