Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Bueu acolle a regata X Memorial Pepe O Ruso

  • O campionato arrancará ás 11.30 horas dende o peirao cunha participación de 31 embarcacións
  • Por categorías, haberá 3 veteranas femininas, 3 absolutas femininas, 19 sénior masculinas e 6 veteranas masculinas

O peirao de Bueu celebrará este domingo, 11 de xaneiro, a regata contrarreloxo X Memorial Pepe O Ruso, organizada polo Club do Mar Bueu – Simei e o Concello de Bueu. Precisamente, co obxectivo de explicar todos os detalles da proba, este venres tivo lugar a rolda de prensa no salón de plenos do Concello coa intervención de Ricardo Verde, concelleiro de deportes, Javier Pazos, Valentín Campos e Rosario Freire, da directiva do Club.  A saída desta regata será o domingo a partir das 11.30 horas dende o peirao, continuando o percorrido, como xa é habitual, ata Agrelo, Banda do Río, A Roiba, Cabalo e regreso ao porto. En total serán 5.500 metros e os barcos e as persoas asistentes gozarán dunha ruta moi vistosa.

Segundo destacan dende a organización, nesta décima edición participarán un total de 31 embarcacións. Serán tres na categoría veterana feminina, que son Samertolameu, Vila de Cangas e Puebla; seis na veterana masculina, que son Virxen da Guía, Mugardos, Muros, Vila de Cangas, Chapela e Samertolameu. En canto ao sénior, na categoría feminina serán tres, concretamente Cabo de Cruz, Amegrove e Tirán; e na sénior masculina competirán dezanove barcos, que son Mecos Mix, Náutico de Riveira, Samertolameu B, Tirán B, Ares B, Bueu B, Chapela B, Puebla, A Cabana, Cesasntes, Cabo B, Mecos, Narón, Bueu A, Samertolameu A, Tirán A, Chapela A, Cabo A e Ares A.

O evento xurdiu no ano 2016 coma unha homenaxe a José Novas Gutiérrez, máis coñecido como “Sr Pepe” ou “Pepe O Ruso”, unha persoa que traballou durante moitos anos e de forma totalmente desinteresada polo fomento do deporte do remo na vila bueuesa. Foi por iso que dende o Club decidiron facerlle este recoñecemento.