Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

A concellaría de cultura convoca unha reunión aberta á veciñanza sobre os bonos comercio pola realización de alfombras

  • A xuntanza será este xoves, 8 de maio, ás 20.00 horas no salón de plenos do Concello de Bueu

A concellaría de cultura, dirixida por Carmen García, convoca unha reunión aberta coa veciñanza para este xoves, 8 de maio, ás 20.00 horas, no salón de plenos, co obxectivo de explicar os bonos comercio que se convocarán para a realización das alfombras e a presentación da programación da Festa das Alfombras do Corpus de Bueu.

O Concello de Bueu continúa traballando para incrementar a participación nesta festa declarada de Interese Turístico de Galicia, e por iso outorgará bonos comercio para as persoas e colectivos que elaboren tapices florais. Aínda que se explicarán todos os detalles na reunión, xa se pode avanzar que se incrementan as contías con respecto ao pasado ano, e que se outorgarán bonos que de 150, 200 e 250 € que varían segundo as dimensións das alfombras.

O prazo para participar vaise abrir este venres, e dende o consistorio pretenden fomentar a elaboración de tapices florais para reforzar a ambientación das rúas e revitalizar esta tradición cunha historia que se remonta ao século XVII, e que este ano se celebrará o 21 de xuño.

Os bonos están dirixidos a aquelas persoas ou colectivos que realicen as alfombras dentro do percorrido marcado para a festividade, que abrangue as rúas de Pazos Fontenla, Eduardo Vincenti, Montero Ríos, Francisco Escáneo, e a Igrexa de San Martiño de Bueu.