Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

A artista Lidia Rodríguez González gaña o II Certame de Pintura Otero Baena para Artistas Noveis coa obra «Fragmentos de lectura-LG»

  • O fallo deuse a coñecer este martes durante o acto de inauguración da exposición cos finalistas do certame na Sala Amalia Domínguez Búa de Bueu
  • O xurado, conformado por artistas e representantes de diversas institucións, decidiu outorgarlle o premio a esta creación, da que destacan a “capacidade para combinar elementos heteroxéneos: o xeométrico co orgánico, a imaxe gráfica coa presenza material de planos superpostos”
  • A exposición das obras finalistas poderase ver ata o 31 de xullo e nela participarán familiares do pintor Otero Baena

A artista asturiana Lidia Rodríguez González resultou gañadora do II Certame de Pintura Otero Baena para artistas noveis do Concello de Bueu coa obra titulada “Fragmentos de Lectura-LG”, da que o xurado destacou a “capacidade para combinar elementos heteroxéneos: o xeométrico co orgánico, a imaxe gráfica coa presenza material de planos superpostos”. Así mesmo, “ a obra tamén se constrúe cunha ampla gama cromática moi axustada que crea unha atmosfera de sosego e contemplación”. A autora faise cun premio de 1.500 €, e tamén se outorgaron dous accésits sen dotación económica, que recibiron Alejandro Fuertes por “Vientos nucleares” e Lucía Romaní por “Escavación”.

Así se anunciou este martes pola tardiña durante o acto inaugural da exposición de finalistas do certame na Sala de Exposicións Amalia Domínguez Búa e que se poderá ver ata o 31 de xullo.

O xurado desta segunda edición do concurso estivo composto por Carmen García, concelleira de cultura, e nela estiveron Covadonga López, directora do Museo Massó de Bueu, Javier Pérez, da Fundación Laxeiro, Agar Ledo, do Museo de Pontevedra, Ignacio Pérez, da Facultade de Belas Artes, e Elena Bangueses, historiadora do arte e galerista bueuesa, actuando Belarmino Barreiro, arquiveiro municipal, como secretario.

O Concello de Bueu recibiu trinta e nove traballos artísticos no II Certame de Pintura Otero Baena para artistas noveis, de entre os cales o xurado decidiu as mellores propostas que se  inclúe na exposición: “Celosía circular”, “Agosto”, “Entre bateas”, “Escavación”, “Fragmentos de lectura”, “Parque tres de febrero”, “Mar de chumbo”, “Nordés en Udra”, “Sen título (tela)”, “Vientos nucleares”, “Xarrón azul” e “Zapaldu”.

A Sala estará aberta todos os días ata o 31 de xullo, en horario de luns a venres, das 12 ás 14 horas, e das 18 ás 21 horas; mentres que nas fins de semana, de 12 a 14 horas. Serán os fillos e netos de Otero Baena os que se encargarán de custodiar as obras da exposición e de explicar a vida artística do seu pai e avó.

A posta en valor de Otero Baena

Este certame foi creado no 2023 co obxectivo de fomentar a creación artística entre artistas noveis, e tamén como unha forma de dar a coñecer a figura do artista local José Benito Otero Baena, máis coñecido como “Pepé”.

José Otero Baena faleceu no ano 2017 e era coñecido en Bueu a raíz do seu paso pola política e polo traballo na caixa de aforros, e no eido artístico foi considerado como o mellor espatulista da arte galega da época. Chegou a recibir unha bolsa da Deputación de Pontevedra para estudar na Escola de Belas Artes de San Fernando, en Madrid, pero as obrigas laborais levárono a voltar á casa. Otero Baena considerábase un home de formación autodidacta que adoraba pintar paisaxes dunha gran variedade cromática. Neste tempo, o Concello de Bueu, en estreita colaboración coa familia, deseñáronse diversas iniciativas para dar a coñecer o labor do artista bueués.

Información das artistas gañadoras

Lidia Rodríguez González é unha artista asturiana da localidade de Tineo e conta cun amplo currículo de premios, participación en exposicións individuais e colectivas e selección de certames. Entre os últimos premios conseguidos están o Premio adquisición obra Certame C. Consuelo Otur no 2916 e 2011, o segundo premio do 1º Certame de Arte Chupa Chups no 2022, o primeiro premio no XII Certame de Pintura Vila de Cedeira no 2000 ou o primeiro premio do XX Concurso Nac “Casimiro Sainz” de Reinosa no 1996.

Lucía Romaní é artista plástica, docente e investigadora. Actualmente é Profesora Asociada na Facultade de Belas Artes de Pontevedra e dirixe iniciativas vinculadas a pedagoxías creativas en colaboración con institucións tanto públicas como privadas, labor que compaxina coa súa actividade artística. Doutora en Belas Artes pola Universidade de Vigo (2012). A súa tese xira entorno ás relacións arte e espazo público tomando como referencia o contexto galego.  Recibiu o Premio de Pintura Novos Valores (2007) e as Bolsas de Pintura (Paisaxe) da Fundación Mondariz Balneario (2005) e Rodríguez-Acosta, Granada (2004). É membro do colectivo artístico COVA, destacando a súa participación nos Festivais Land Art Lapinjärvi, Finlandia (2018) e Kaldarte, Caldas de Reis (2019).

Por último, Alejandro Fuertes é Graduado en Belas Artes pola Universidade de Vigo, cun Mestrado en Estudios Avanzados en Produción e Prácticas Artísticas pola Universidade de Salamanca. Actualmente vive e trabaja en Pontevedra, onde desenvolve a súa Tese Doutoral na Universidade de Vigo sobre o residuo sólido urbano como ferramenta artística.